LugoTerra Excma. Deputación Provincial de Lugo

DESCUBRE LUGO       RUTAS       EXPERIENCIAS ÚNICAS       PLANIFICA A VIAXE       EN IMAXES   

» inicio « GALEGO  divisor idioma  CASTELLANO  divisor idioma  ENGLISH
 
sombra
Rutas en Coche
 
Rutas a Pé
 
Rutas Fluviais
 

 

Folleto 9 escapadas (PDF)

 

 
sombra

Unha xanela ao Cantábrico


De Ribadeo a Viveiro

Ampliar Foto...
Ría do Eo, en Ribadeo

Ampliar Foto...
Comezamos en Ribadeo, vila cun importante pasado comercial ligado ao seu porto, e do que dan conta edificios emblemáticos como o Pazo de Ibáñez, actual casa do concello, e outros de arquitectura indiana como a Torre dos Moreno, que nos falan de tempos nos que nesta vila facíanse os grandes negocios internacionais de importación-exportación: era a época da Ilustración Galega. Un paseo polo casco histórico de Ribadeo, debería rematar na Atalaia, próxima ao castelo de San Damián, que defendía a ría; alí podemos visitar o Cargadeiro e os restos da antiga estación onde chegaban os trens co mineral de ferro procedente dos fornos da Pontenova.

Saíndo pola N-642 en dirección Barreiros, despois de tomar un desvío, atoparemos a famosa Praia das Catedrais, espectacular polas formacións rochosas que o mar foi labrando. Asegúrense, cando programen a viaxe, de que a marea está baixa (consultar horario de mareas no xornal ou en www.meteogalicia.es) para poder percorrer a praia na súa totalidade.

Podemos continuar a viaxe pola estrada paralela á costa para disfrutar da beleza das praias ata Barreiros, e saír de novo á estrada N-642 que nos leva a Foz. A só 4 km. desta vila mariñeira, cara ó interior, non deben esquecerse de visitar a catedral de San Martiño, a primeira construída en España e antiga sé da diocese de Mondoñedo, que conserva singulares elementos románicos e prerrománicos.

Collendo a estrada de novo cara a Burela, visitamos o Castro de Fazouro, aínda no concello de Foz, singular xacemento por estar literalmente colgado sobre o mar. Burela, importante porto pesqueiro do Cantábrico, chama a nosa atención pola numerosa flota boniteira. No Barco Museo, situado no peirao, unha visita guiada amosa a dura vida e o traballo dos mariñeiros.

 

Ampliar Foto...
Ribadeo
Ampliar Foto...
Centro histórico de Viveiro
Ampliar Foto...
Marqués de Sargadelos
Ampliar Foto...
Praia das Catedrais

Moi preto de Burela, no concello de Cervo, está Sargadelos, onde se elabora a famosa cerámica galega. Ibañez, Marqués de Sargadelos, fundou o complexo no 1791, nun principio siderúrxico, e posteriormente fábrica de cerámica.
Sargadelos ofrece visitas guiadas á planta de produción. Recomendámoslle tamén un paseo polo conxunto histórico da antiga siderurxia e o Museo de Sargadelos.

 

No mesmo concello de Cervo, en dirección a Viveiro, en San Cibrao, o Museo do Mar exhibe pezas, fotografías e maquetas. Esta exposición testemuña o pasado de todo un pobo adicado ao traballo da pesca e moi vencellado á caza da balea.

A ruta pode continuar pola estrada C-642, cara a Viveiro. Esta fermosa cidade posúe un importante e ben conservado casco histórico, no que destacan a porta de Carlos V, casa dos Leóns, Praza Maior, ponte da Misericordia, fachadas coas tradicionais galerías, así como a Igrexa conventual de San Francisco, igrexa de Santa María do Campo e Convento das Concepcionistas.

Pola C-642 continuamos a O Vicedo, entre as rías do Barqueiro e a de Viveiro, con fermosas e tranquilas praias, limitando coa provincia da Coruña.

 

 
(C) ÁREA DE TURISMO DA EXCMA. DEPUTACIÓN DE LUGO    |   Aviso Legal